Benvidos!!!

Ola amiguiños, benvidos ao noso blog, a partires deste momento compartiremos as nosas historias e todo o que acontece na nosa aula con vós, deixádesnos?

lunes, 2 de junio de 2014

XORNADA DE PREVENCIÓN DE INCENDIOS E OUTROS RISCOS

Preme encima para acceder a noticia: El Faro de Vigo

Que maneira de empezar a semana!!!!

Os bombeiros de Santiago de Compostela desenvolveron no colexio unha campaña de prevención de incendios e outros riscos impulsada polo Concello de Forcarei. Para a realización dos diferentes talleres contamos  coa compañía dos compañeiros/as e mestres do CEIP Soutelo de Montes.

Empezamos a xornada cunha charla sobre o lume e os seus perigos e rematamos co visionado dun simpático e educativo vídeo que vos engadimos nesta entrada. 


Pola tarde gozamos de Donald, o xefe dos bombeiros, 

puidemos probar as mangueiras, v
er como os profes apagaban lumes e….. o máis divertido a FESTA DA ESCUMA!!! Convertémonos nuns expertos bombeiros, dan fe diso o carné e o casco co que nos obsequiaron.

martes, 27 de mayo de 2014

NOS TAMÉN CONTAMOS: OS FILLOS DO REI


Esta tarde tivemos teatro!!!

Os mozos e mozas do Club de Lectura do IES Chano Piñeiro (cos que compartimos instalacións) representaron a obra "Os fillos do rei", pero, aí non quedou todo, xa que ademais agasalláronnos cunhas marabillosas coroas de cor verde e compartiron con nós contos tradicionais como Os tres porquiños ou Carapuchiña Vermella. Se non hai mellor cousa que a tradición oral. 



Esta representación enmárcase dentro dunha actividade de colaboración desenvolvida polos ENDL dos dous centros que leva por nome "Nós tamén contamos".

Tanto no blogue do Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua Galega do IES Chano Piñeiro  como na Coordinadora ENDL Deza Tabeirós Terra de Montes  atoparedes referencia a esta actividade. 

Moitas grazas aos protagonistas e noraboa aos profes por propoñernos iniciativas tan divertidas.

lunes, 26 de mayo de 2014

NON PUIDO SER (OLLOBOI 2014)



O pasado venres 23 acudimos á gala OlloBoi 2014 que se celebrou na Casa de Cultura de Boiro. A nosa curta "Pilú, Pilú!" non se atopou entre as gañadoras, cantas curtas! Canto nivel! Era moi complicado!

Pois ben, ata aquí chegou a andaina do noso Crocodilo e do seu amigo, o simpático paxariño Pilú. 

Agradecervos a todos, alumnos e alumnas, mestres e mestras, familias, amigos e amigas, o voso apoio durante estas últimas semanas; así ben seguro que repetiremos!

martes, 20 de mayo de 2014

A NOSA LINGUA, O NOSO TESOURO


Durante estas últimas semanas quixemos outorgarlle a lingua galega a importancia que ten, moito máis nunha zona onde está a cotío nas nosas bocas. 

Para iso, o Equipo de biblioteca xunto co Equipo de Dinamización da Lingua Galega pedíronnos que procurásemos termos en galego  para compoñer entre todos os alumnos e alumnas do centro o mural: A NOSA LINGUA, O NOSO TESOURO. 

Preme encima da imaxe para acceder ao blog de EDLG

A aula de tres anos procuramos palabras relacionadas co tempo meteorolóxico: trebón, arco da vella, néboa, orballo, saraiba, pinga, folerpa… foron algunhas das escollidas. 

lunes, 19 de mayo de 2014

PARABÉNS SOFÍA


Unha nova picariña súmase ao grupo de rapaces que xa teñen catro anos. 

PARABÉNS SOFÍA!!!!!



ÚLTIMA HORA: OS AMORODOS XA ESTÁN AQUÍ


Despois de tanto esperar, regar e coidar, POR FIN as amorodeiras comezan a dar o saboroso e desexado froito (amorodos). 

A ledicia era tal que os cativos non facían máis que correr dun lado cara o outro saltando e gritando "Fresas, fresas, fresas, temos fresas".




A última hora da tarde puidemos degustar esta pequena proba, ummm que saboroso estaba ese anaquiño de amorodo. 

domingo, 18 de mayo de 2014

UN PASIÑO CARA DIANTE (OLLOBOI 2014)

OlloBoi Online

A organización do Festival OlloBoi 2014 ven de preseleccionar 10 traballos candidatos a cada categoría. A curta de animación Pilú, Pilú atópase entre os dez finalistas na categoría Olloboi Online e Olloboi Escola.

Pola nosa banda, queremos agradecervos a todos a vosa colaboración, os votos e o apoio amosado durante estas últimas semanas. Agora só nos queda a esperar o fallo do xurado. 

OlloBoi Escola


Graciñas!!!!

sábado, 17 de mayo de 2014

LETRAS GALEGAS 2014


Hoxe 17 de maio do 2014 festexamos o día das Letras Galegas.

Na aula de tres anos quixemos coñecer máis de cerca a obra do homenaxeado deste ano, Xosé Mª Díaz Castro, e para iso escollemos un fermoso poema recollido no seu libro Nimbos: ESMERALDA.

Este traballo de aula permitiunos incidir unha vez máis nas propiedades da escritura, neste caso, procurando as letras do noso nome nos versos que escribiu Xosé Mª Díaz Castro. 




Pero non fomos os únicos, xa que tanto no noso cole, como en moitos outros coles de Galicia traballaron a biografía e a obra deste autor. Gustaríame destacar e compartir con todos vós dous fermosos traballos. 

O primeiro deles é un video creado polo CEIP Plurilingüe  San Xoán de Filgueira onde a través da técnica de stop motion ilustran Esmeralda, un poema que tamén escollemos nós e que pertence a Nimbos, libro de Xosé Mª Díaz Castro. 


E o segundo procede de Guitiriz, terras do autor, xa que o IES Poeta Díaz Castro aventurouse en recuperar un documental sobre a figura do autor que lle dá nome ao centro. Destacar a adaptación dunha melodía moi popular con versos de Nimbos para crear a canción ESA LUS. 




Fermosos traballos arredor de Xosé Mª Díaz Castro, e o máis importante arredor da nosa lingua, o galego. 

miércoles, 14 de mayo de 2014

AS NOSAS LEITUGAS


Como agricultores e agricultoras seguimos polo bo camiño, e nesta ocasión plantamos leitugas nos testos que trouxemos das nosas casas.

En menos dun mes poderemos ollar os resultados, que credes que ocorrerá? Medrarán? Cambiarán de cor? Poderémolas comer?……

Agora toca coidalas, regalas e esperar o que  ocorre. 






jueves, 1 de mayo de 2014

EN ABRIL AUGAS MIL, E EN MAIO TRES OU CATRO

Para descargar premede aquí (formato editable)

Achegamos o penúltimo mes deste curso escolar. Como pasa o tempo!

miércoles, 30 de abril de 2014

COÑECÉMONOS

Preme na imaxe para acceder

O nome propio está presente durante todo este curso, por iso creamos este pequeno xogo adaptado e contextualizado as nosas necesidades; recollemos a idea tras ver o LIM realizado no blog da Escola de Barciela- CRA de Vilaboa.

A idea é xogar co noso nome e co dos compañeiros tanto dentro como fóra da escola. Agardamos que sexa do voso agrado. 

QUEN SE ANIMA?

martes, 29 de abril de 2014

O XORNAL NA AULA


Chegados a este punto do curso, decidimos coñecer outro tipo de textos e as súas propiedades, polo que incluimos nas nosas dinámicas semanais o traballo coa prensa. Empregar a prensa na aula supón dispoñer dun recurso máis que lles axudará nos procesos de aprendizaxe de lectoescritura. 

A prensa é un recurso de gran valor didáctico en canto que lle permite acceder ao mundo dos adultos, e ao mesmo tempo proporciónalle imaxes, pictogramas, anagramas, logotios que forman parte do seu mundo. 

O noso traballo basearase en acadar os seguintes obxectivos: 

- Aplicar a coordinación visomanual precisa para manexar e explorar obxectos cunha determinada precisión. 

- Observar  sucesos e acontecimientos do contorno dos nenos e das nenas. 

- Diferenciar as características propias do xornal.  


- Ler, interpretar e producir imaxes como forma de comunicación. 



lunes, 28 de abril de 2014

AS AMORODEIRAS XA TEÑEN FLOR

Fai un mes, aproximadamente, iniciabamos a nosa experiencia como agricultores ecolóxicos plantando unhas amorodeiras. Pois ben, non pensedes que nos esquecemos delas, todo o contrario.

Todos os días vamos a velas, queremos saber se medran, se precisan algo, se muchan, como teñen as flores, … e sobre todo queremos saber cando aparecerán os amorodos. Entrementras, fai un par de días, descubrimos que desta planta brotan unhas fermosas flores brancas. 

O proceso segue o seu curso e nós seguimos a espera do tan ansiado froito. 



sábado, 26 de abril de 2014

PILÚ, PILÚ, PRESÉNTASE A OLLOBOI 2014


Imaxe OLLOBOI 2014

Un ano máis celébrase o Festival Audiovisual Olloboi orientado ó ámbito escolar e aberto a todo tipo de producións non profesionais, un proxecto altruísta, ilusionante e comprometido organizado por Marearte, asociación sociocultural sen ánimo de lucro. 

Os Picariños quixemos presentarnos a este concurso galego do audiovisual non profesional coa curta  Pilú, Pilú! realizada no abeiro do concurso Nós tamén creamos, convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial OQO o curso pasado. 

Tras presentar a inscrición, seleccionaron 116 traballos, o noso entre eles. Agora comezan as votacións para elexir o Premio do Público, estarán abertas dende o 25 de abril ata o 9 de maio.

Se queredes ollar a nosa curta só precisades 2:40 minutos, ANIMÁDESVOS?

 
Pilú, Pilú! on Vimeo.

viernes, 25 de abril de 2014

DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO E DO DEREITO DE AUTOR

Imaxe da árbore das recomendacións lectoras
(actividade proposta polo equipo de biblioteca)

Esta semana conmemoramos o 23 de abril como o Día Internacional do Libro e do dereito de autor. Este fextexo celebrado a nivel mundial ten como obxectivo  fomentar a lectura, a industria editorial e a protección da propiedad e intelectual por medio do dereito de autor. 

Escolleuse esta data, dado que o día 23 de abril coincide co falecemento de Miguel de Cervantes, William Shaskespeare y o Inca Garcilaso de la Vega, todos eles no ano 1616. 

Os libros e o feito de ler están presentes na nosa aula todos os días, por iso nesta ocasión decidimos recoller todas as fotografías onde estamos gozando dos e cos nosos amigos os libros e crear un vídeo, empregando a música de Pablo Díaz  O libro, recollida en Tic Tac, publicado por Kalandraka. 

Os amigos, os libros from vanessa.arca on Vimeo.
Dende a biblioteca, Biblo, a nosa mascota, preparou unhas árbores que tivemos que decorar coas nosas recomendacións lectoras. 




Ademais o mércores pola tarde os alumnos e alumnas de 4º e 6º de Educación Primaria en colaboración co  equipo de biblioteca e o equipo de dinamización da lingua galega prepararon este telexornal para explicarnos o porqué deste día. 

Premede encima da imaxe para acceder ao telexornal

martes, 22 de abril de 2014

PARABÉNS DAVID


Despois deste pequeno descanso toca voltar ás aulas, e que mellor maneira que festexando o aniversario do noso compañeiro David. 

Moitas grazas por esa torta tan saborosa e por eses "Polos Pepes". 

PARABÉNS DAVID!!!









domingo, 13 de abril de 2014

PREMIO ESPIRAL EDUBLOGS 2014

Preme encima da imaxe para acceder
Por segundo ano consecutivo, Os Pícaros de Vane quixemos presentar a nosa candidatura aos Premios Espiral de Edublogs co cal se pretende valorar a importancia e a repercusión dos blogs na educación, como ferramenta didáctica para o desenvolvemento de contidos curriculares e motivación dos alumnos.

Moita sorte a todos os participantes en especial aos do noso cole: O Recuncho das fadas (blog xestionado pola profe Anabel) e o Our English Corner`s Blog (xestionado pola Teacher María).

A RECETA DO DÍA

Escribide aquí os vosos comentarios

Visítannos dende...

SE NALGÚN MOMENTO VULNERAMOS A PROPIEDADE INTELECTUAL OU OS DEREITOS DE AUTOR, POR FAVOR, COMUNICÁDENELO E QUITAREMOS A ENTRADA CANTO ANTES. MOITAS GRAZAS